Saturday 27 de April de 2024

O Concello homenaxea as e os profesionais do sector sanitario no Belén Municipal, coa enfermeira


Isabel Zendal como a protagonista desta edición

O fondo pictórico, obra do pintor alacantino Miguel Ribes e no que se plasma a importancia do porto para a cidade, cumpre vinte anos

A alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, inaugurou hoxe o Belén Municipal, que estará aberto ao desfrute da cidadanía ata o día 6 de xaneiro, no salón de exposicións de María Pita.

O Belén Municipal, que o ano que vén cumprirá trinta anos de vida desde a súa posta en marcha no 1992, consta de elementos que o fan único e moi ligado á cidade. Nel aparecen representadas moitas das persoas que, ao longo da historia, foron relevantes para construír a identidade da Coruña. De María Pita a Arsenio Iglesias, pasando pola escritora Emilia Pardo Bazán, deportistas como Mauro Silva, exfutbolista do Real Club Deportivo, ou Juan Darriba, o neno heroe que perdeu a vida intentando rescatar unha muller que estaba afogando na praia do Orzán, o Belén remarca o carácter integrador da cidade.

Nesta edición, o Concello da Coruña réndelle unha homenaxe ao persoal traballador sanitario coa inclusión da figura da enfermeira galega Isabel Zendal, que no ano 1803 se embarcou na primeira expedición sanitaria internacional da historia saíndo desde o porto da cidade, rumbo ao continente americano. Zendal está representada no Belén Municipal xunto ao seu fillo Benito, un dos 22 pequenos que integraron a expedición para que a vacina da varíola chegase ao outro lado do Atlántico.

“Hoxe, recoñecendo a contribución de Zendal coa súa incorporación a este Belén Municipal, queremos amosar o agradecemento de toda a cidade ao traballo das e dos profesionais do sector sanitario, que foron e son o escudo da nosa sociedade fronte ás pandemias. A elas e eles, a todos os colectivos de persoas esenciais que estiveron a pé de rúa nos momentos máis difíciles, debémoslles moito e queremos recoñecérllelo”, expresou a alcaldesa, Inés Rey.

O fondo pictórico do Belén Municipal cumpre 20 anos
A importancia do porto para a cidade tamén se ve reflectida coa presenza de figuras como a de Alexander Von Humboldt, considerado o pai da xeografía moderna, e que en 1799 partiu desde A Coruña cara a unha viaxe científica polas Américas. Ademais, o porto tamén é o protagonista do fondo pictórico do Belén Municipal, obra do pintor alacantino Miguel Ribes, e que nesta edición cumpre vinte anos.

Proximamente está prevista unha publicación en liña onde se recollerán aspectos relativos ás principais esceas e personaxes do Belén, así como á propia historia da súa identidade, única no mundo.

A inauguración, co Coro Cantábile
A apertura ao público do Belén Municipal, levada a cabo na tarde de hoxe, contou coa intervención da presidenta da Asociación Isabel Zendal, Pilar Farjas, a actuación do Coro Cantábile e a asistencia de membros da Corporación municipal.

O Belén Municipal estará dispoñible na sala de exposicións de María Pita ata o día 6 de xaneiro, data de clausura, sempre en horario de 11.00 a 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 21.00 horas polas tardes, cos seguintes días como excepcións:
● Venres, 24 de decembro: horario único, de 10.00 a 14.00 horas.
● Sábado, 25 de decembro: horario único, de 10.00 a 14.00 horas.
● Venres, 31 de decembro: horario único, de 11.00 a 14.00 horas.
● Sábado, 1 de xaneiro: horario único, de 17.00 a 21.00 horas.
● Mércores, 5 de xaneiro: horario único, de 10.00 a 14.00 horas.
● Xoves, 6 de xaneiro: horario único, de 17.00 a 21.00 horas.